A CENTRAL OBREIRA GALEGA da o seu apoio o manifesto en defensa dos Servizos Públicos e o Emprego Público.
MANIFESTO:
As actuais políticas
privatizadoras, que restan recursos aos servizos públicos que recibe a
cidadanía en favor dos beneficios empresariais duns poucos , xunto cos recortes
orzamentarios experimentados nos últimos tres anos e o ataque frontal ás
empregadas e empregados públicos, debilitaron os servizos públicos poñendo en
risco o mantemento e a continuidade dos servizos esenciais que ata agora
definiran o Estado do benestar, ao tempo que quebran o marco de dereitos
democráticos e laborais
A crise está a ser utilizada polos Gobernos de Galicia e do Estado Español,
desvergonzadamente, como a escusa perfecta para subtraer recursos dos servizos
esenciais, xustamente cando, na situación actual, que castiga co paro e a
exclusión social a miles de familias galegas, se debe apostar por reforzalos e
así garantir as necesarias coberturas sociais, o obrigado amparo do Estado e do
Goberno Galego e a atención igualitaria e solidaria para toda a cidadanía.
Ambos Gobernos encontran a maneira de privatizar o público, lanzar á
cidadanía aos brazos das empresas especuladoras en servizos sociais, educativos
e sanitarios, medios de comunicación e transporte, e arremeter sen
contemplacións contra o persoal do sector público, recortando os seus dereitos
laborais e sindicais, destruíndo emprego e intentando socavar a confianza da
cidadanía con campañas mediáticas e políticas destinadas a desacreditar a súa
imaxe. Estes Gobernos, coñecedores de que a estrutura laboral do Sector Público
e os dereitos conquistados ao longo dos anos polo seu persoal, constitúen un
punto de referencia para traballadores e traballadoras doutros sectores
laborais, pretenden pasarnos rolo a toda máquina para achandar o terreo aos
intereses empresariais.
As empregadas e empregados públicos traballamos para que se garantan os
dereitos os cidadáns e cidadás e por eles temos que loitar. Por eles e pola
nosa dignidade. Sobre nós, sobre a nosa profesionalidade e o noso traballo
desenvolvese o estado do benestar, a xustiza social, os dereitos e avances
democráticos e os servizos que recibe a cidadanía. Nós somos os que prestamos
os servizos públicos, os que estamos a atender nos hospitais, os que
conseguimos que os enfermos se sintan seguros, os que garantimos a seguridade e
os dereitos individuais e colectivos, o transporte e a comunicación, os que
facemos que a educación e a formación gratuíta das novas xeracións sexa
posible, os que facemos posible que os servizos públicos e sociais cheguen o
conxunto da cidadanía, á marxe da clase social ou dos recursos económicos que
dispoñan, os que facemos posible o dereito á xustiza. E por iso temos que
loitar.
Os traballadores e traballadoras do sector público somos profesionais e a
pesar diso soportamos o peso da mala xestión dos recursos públicos e a covardía
dos gobernos en responsabilizar o persoal das súas propias incompetencias. Para
as empregadas e empregados públicos sempre houbo política de recortes.
Furtáronnos o 45% do noso salario nos 15 últimos anos e restáronnos
dereitos laborais e sociais. A parte das conxelacións salariais e devaluación
dos nosos salarios, no ano 2010 tivemos unha baixa salarial media dun 5% ,
acadando nos grupos superiores ata o 10%, e este ano 2012 dun 7,1%, supresión
de días de libre disposición, penalización económica por enfermidade.. etc.
A repercusión desa política de recortes indiscriminada que veñen realizando
os Gobernos central e galego ten, tamén unha enorme incidencia nas
Administracións Locais, as máis próximas á poboación, que viron como se minguan
os dereitos dos seus traballadores e traballadoras e os recursos que necesitan
para a prestación dos servizos sociais. E a pesar diso damos cada día a pel
para servir aos cidadáns e cidadás. Dende sempre, nese "contexto
socioeconómico global", fomos as empregadas e os empregados públicos, como
persoal e como persoas usuarias, os que soportamos cos nosos dereitos, os nosos
salarios e ata a nosa propia imaxe os disparates, os privilexios e dispendios
dos que están e estiveron na Administración de xeito conxuntural.
A reivindicación polo mantemento dos servizos públicos de calidade, e
universais, non é só dos empregados e empregadas públicos. Debe ser un berro
único en defensa dos dereitos básicos e dos que os defendemos cada día dende o
noso posto de traballo no Sector Público. É a hora de pasar da indignación á
rebeldía cidadá, é a hora da loita unitaria, na rúa e nos centros de traballo,
cóbado a cóbado estudantes e persoas desempregadas, autónomas,pensionistas, e
traballadores e traballadoras dos distintos sectores de actividade, movementos
sociais e o conxunto da cidadanía que quere e merece unha alternativa
diferente, que ten dereito, a uns servizos públicos dignos que nos fagan sentir
que, á marxe da súa situación económica que gocemos, seguimos sendo cidadáns e
cidadás de primeira.
Porque estes Gobernos se senten impunes actuando como actúan, non podemos
permitir que se saian coa súa nin que utilicen a Lei para impoñer os seus
intereses. Debemos expresar o noso rexeitamento con contundencia porque, de non
o facer, sentiranse lexitimados para continuar gobernando de costas aos nosos
dereitos como empregadas e empregados públicos e como cidadáns e cidadás, ás
costas do noso pobo e contra os seus intereses.
Conscientes dos dereitos da cidadanía e comprometidos cos traballadores e
traballadoras do sector público, asinamos o presente manifesto e convocamos os
empregados e empregadas públicas de Galicia e o resto da poboación a defender
os Servizos Públicos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario