jueves, 27 de septiembre de 2012

PLATAFORMA EN DEFENSA DO SERVIZO PÚBLICO DE PREVENCIÓN E DEFENSA CONTRA INCENDIOS FORESTAIS


COMUNICADO DA PLATAFORMA

Un número significativo das organizacións sindicais e profesionais que actuamos no colectivo de traballadores e traballadoras da prevención e extinción de incendios forestais en Galicia, vimos a xuntarnos de cara a denunciar publicamente o desmantelamento que o actual goberno da Xunta de Galicia está a realizar no servizo.
Este ano tiveron entrada no servizo empresas plenamente privadas, que pretenden obter beneficio económico por apagar os lumes que se producen no noso país. É unha privatización en toda regra que se suma ao desmantelamento planificado nestes últimos anos do servizo propio da Xunta de Galicia.
A día de hoxe xa son cinco os instrumentos que a administración galega emprega no operativo de extinción. Persoal da Xunta, da empresa pública SEAGA, de Tragsa, de Natutecnia e dos concellos (GRUMIR), cada un cas súas condicións laborais propias, sen que sexa posible que exista unha coordinación axeitada, e que o que pretenden realmente é só man de obra barata e sen dereitos laborais. Polo tanto sen experiencia e non profesional. Unha política absolutamente irresponsable nun tema tan complicado en Galicia como o dos lumes, e onde se renuncia de antemán a realizar unha política preventiva e forestal verdadeira de tal nome.
En vistas da situación, as organizacións sindicais e profesionais e traballadores e traballadoras da Xunta, SEAGA, Tragsa e Natutecnia constituímos esta Plataforma, que se fundamenta nas seguintes reivindicacións:
- A defensa dun Servizo Público, Único e Profesional de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais. Non as privatizacións do servizo.
- A contratación de todo o persoal realizada a través dun sistema único de listas de contratación, dentro do ámbito da función pública, e cunha valoración equitativa do tempo traballado segundo cada caso.
- A profesionalización do dispositivo e eliminación do gasto de militarización dos nosos montes.
- Por un Plano Forestal de verdadeira prevención de incendios. Queremos un traballo digno no que se fomente a prevención e a colaboración cos propietarios forestais para a conciliación de intereses como ferramenta contra os incendios forestais.
- Anticiparse ao lume significa minimizar os seus efectos, e acadar así un emprego máis estable e un sector forestal máis productivo e xerador de riqueza nun momento tan necesario para Galicia.
- A apertura inmediata dunha Mesa de Negociación onde busquemos a solución ao servizo.
A Plataforma en Defensa do Servizo Público de Prevención e defensa contra incendios forestais, nacida do colectivo de traballadores e traballadoras, fai un chamamento público á sociedade galega e apoiar esta iniciativa de racionalizar a situación do monte galego, e en especial anima ás diferentes organizacións e colectivos vinculados ao sector forestal e ao monte rural a sumarse a esta Plataforma, e a apoiar as súas mobilizacións.
O sector forestal é unha riqueza de todo o pobo galego, e debemos ser todos e todas nós quen o defendamos das erradas políticas dos diferentes gobernos galegos.
 
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario