miércoles, 25 de abril de 2012

Anuncio de Folga Xeral para o 27 de xaneiro

O decretazo de maio pasado que rebaixou o salario dos funcionarios e a reforma laboral que abaratou o despido facilitando a expulsión dos seus postos de traballo dos traballadores e traballadoras de maior idade foron os primeiros pasos contra a clase obreira do goberno socialista de ZP. Sempre ao servizo do capital, o seu obxectivo é baixar os salarios e aumentar os beneficios da patronal.
O aumento dos impostos indirectos e a suba dos prezos dos produtos de primeira necesidade foron outras medidas contra as clases traballadoras do goberno do PSOE.
A resposta débil e tardía dada na folga xeral do 29 de setembro, seguida pola pasividade das centrais sindicais do sistema, ben subvencionadas polo Estado español, animou ao goberno a seguir coa súa ofensiva contra as clases traballadoras, agora co retraso na idade de xubilación, o aumento do tempo de computo das pensións e a privatización dos poucos sectores que quedan en mans públicas.
Sempre ao servizo do capital financeiro e dos grandes empresarios, o goberno de Rodríguez Zapatero sacrifica tamén a autónomos, profesionais liberais e pequenos empresarios mentres abastece aos bancos con cartos públicos e o inmenso regalo que significa a privatización das caixas de aforros.
O prezo para a clase obreira, e tamén para as demais clases traballadoras, é paro, miseria, baixada do nivel de vida, baixada da capacidade adquisitiva e perda dos seus dereitos laborais.
Pese a que, de novo, os sindicatos do sistema fixeron todo o posible por debilitar e dividir a resposta da nosa clase, haberá unha nova FOLGA XERAL O 27 DE XANEIRO,que a Central Obreira Galega (COG) convoca xunto a outros sindicatos de clase.
Chamamos a todo o proletariado en Galicia a ser os protagonistas da folga, a difundir a súa necesidade entre todos os traballadores e traballadoras, e, sen ser a convocatoria unitaria e indefinida que a COG desexaría, frear as agresións do goberno español e da patronal esixindo:
       -          A inmediata dimisión de Rodríguez Zapatero e o seu goberno.
       -          A retirada inmediata das reformas laboral e de pensións.
       -          O mantemento da idade de xubilación nos 65 anos e dos 15 anos para o computo da  cuantía das pensións.
-          A nacionalización da banca.

¡ Pola unidade obreira!
¡Contra o goberno e o capital!
¡FOLGA XERAL!

Galicia, 13 de xaneiro do 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario