martes, 24 de abril de 2012

1º de Maio 2010

MANIFESTO DA CENTRAL OBREIRA GALEGA

Hoxe, 1º de maio, Día do Internacionalismo Proletario, 146 anos despois da fundación da Primeira Internacional Obreira da que somos herdeiros, os traballadores e traballadoras do mundo seguimos a ser os escravos da terra, e, sometidos a unha nova crise do capitalismo, enfrontamos a decisión burguesa de que sexamos nós, e non eles, quen asumamos os custes da crise económica mundial. Sufrimos ademais, en Galicia, o peche sistemático de industrias e a redución acelerada dos salarios reais para manter os beneficios capitalistas. Temos, outra vez, que empobrecernos para que os patróns sexan máis ricos.

E á ofensiva brutal do capitalismo mundial contra a clase traballadora, únense os políticos que nos gobernan, mercenarios ao servizo do capital, profesionais que nos aumentan os impostos e se apropian do resultado do noso traballo para manter o seu estatus pequenoburgués e servir aos seus amos capitalistas.

Vai sendo hora de que a clase traballadora de Galicia, e do mundo enteiro,rexeite a ilusión da democracia liberal e constrúa as organizacións necesarias para acabar co poder burgués dunha vez e para sempre.

A Central Obreira Galega é unha organización de traballadores e traballadoras para loitar polos seus dereitos, por unha nova vida e un novo mundo ao servizo de toda a humanidade e non só duns poucos. Nós somos unha ferramenta dos homes e mulleres que venden a súa forza de traballo en Galicia para acabar co capitalismo e a explotación da clase traballadora pola burguesía galega, española e mundial.

Son ben coñecidos os métodos que a patronal utiliza contra a nosa clase, como intentar forzar a demisión dos delegados e delegadas sindicais que loitan polos intereses colectivos, como sucedeu hai pouco en Auto-Radio e logrou impedirse pola negativa dos traballadores e traballadoras a aceptalo; o despido de todos os elementos combativos do cadro de persoal, como sucedeu en IPASA, onde o 50 por cento dos traballadores presentados ás eleccións sindicais na candidatura da COG foron despedidos; a persecución contra o persoal fixo para substituílo por persoal das Empresas de Traballo Temporal, con ameazas e chegando á agresión física contra eles por parte de cadros intermedios da empresa, como sucedeu en Isidro da Cal; o intento de incumprir ou destruír os convenios colectivos comparativamente favorables aos traballadores e traballadoras, como sucede hoxe en Eurolimp, obrigando ao Comité de Empresa e ao persoal a continuas denuncias e mobilizacións; o intento de externalizar servizos para non aplicarlles aos novos traballadores e traballadoras o convenio colectivo propio da empresa, como está a suceder no Hotel Riazor da Coruña; por non falar das deslocalizacións, é dicir, o traslado das empresas do país cara a outros con man de obra máis barata co conseguinte despido de todo o cadro de persoal como sucedeu en Henkel, en Atento ou en Bunge; ou as famosas EREs apoiadas con entusiasmo polo novo goberno da Junta de Galicia e utilizada pola patronal para facer limpeza dos traballadores molestos ou reivindicativos.

As organizacións sindicais do sistema, a soldo do sistema, dependentes dos cartos do estado, traballan para quen lles paga. Frean as folgas, rachan a unidade obreira, impiden a unificación das loitas das distintas empresas contra o inimigo común. Os seus compromisos, públicos e ocultos, co goberno e a patronal teñen un resultado evidente nos máis de catro millóns seiscentos mil parados do estado español e os máis de douscentos mil parados en Galicia que esixen unha resposta inmediata e contundente.

Por iso, dende a Central Obreira Galega propoñemos hoxe, formalmente, a unión por encima das siglas e as ideoloxías particulares de todos os sindicatos, organizacións obreiras e persoas, sen pactistas, sen lacaios do sistema, sen servidores do capital, co fin de artellar a unidade da clase traballadora do noso país para enfrontar a agresión do capital, freándoa cunha folga xeral que sería o primeiro paso a dar para cambiar as tornas da Historia e empurrala cara aos intereses do pobo traballador e de toda a Humanidade.

¡Pola unidade obreira!
¡Pola folga xeral!
¡Viva o 1º de maio!

Galicia, 1º de maio do 2010
Central Obreira Galega (COG)



No hay comentarios:

Publicar un comentario