martes, 24 de abril de 2012

Posición da C.O.G.fronte o Real Decreto 8/2010

POSICIÓN DA CENTRAL OBREIRA GALEGA (COG) FRONTE ÁS MEDIDAS CONTRA A CRISE ANUNCIADAS POLO GOBERNO ESPAÑOL

O ataque perpetrado polo goberno español contra o salario dos empregados públicos e as pensións o pasado 12 de maio confirmouse antonte co Real Decreto-lei 8/2010 que endurece ademais as condicións de acceso dos traballadores e traballadoras á xubilación e non é máis que outra das medidas en favor do capital e dos capitalistas que este goberno, e os anteriores, veñen tomando para garantir as ganancias dos seus amos.
O traballo das masas asalariadas manterá os beneficios dos causantes da crise e pagará o salario dos políticos ao seu servizo.
A agresión contra a clase traballadora completarase co aumento de impostos (o primeiro, o IVE dende o vindeiro mes de xuño) e a reforma laboral, que unha patronal reforzada polas medidas do goberno socialista tentará impulsar á baixa.
Nada de subir impostos aos capitalistas, non haberá aumento da presión fiscal sobre os empresarios e investidores, todo se cargará as rendas do traballo. Retiraranse as axudas á maternidade, pero non á banca. Non se anuncia ningún aumento de impostos ao patrimonio ou a transmisión da propiedade. Nada de recortes no financiamento da Igrexa Católica, nada de suspender os programas de armamento ou de retirar os militares que ocupan Afganistán ou interfiren na soberanía do Líbano, nada tampouco de eliminar as fundacións innecesarias.
Os sindicatos do sistema fan o seu papel: dividir, separar a funcionarios e un sector dos pensionistas do resto da clase traballadora, ocultar que a redución salarial real dos últimos anos afecta A TODA A CLASE TRABALLADORA, non só a un par de sectores da mesma. As súas chamadas a folgas parciais, so chaman á folga aos funcionarios, ou a limitación da unidade sindical ás centrais de pesebre, tentan desmobilizar, evitar a folga xeral contra o goberno amigo do PSOE que tan ben os trata e subvenciona. A debilidade da súa resposta ao anuncio do día 12 sen dúbida animou aos socialistas a endurecer aínda máis o decretazo.
A Central Obreira Galega entende que as medidas do goberno español son unha declaración de guerra que o capital lanza contra a clase traballadora. Non nos sorprende que o executor da agresión sexa a socialdemocracia, dende 1914 demostrou a súa lealdade ao capital con cen traizóns e mil asasinatos, non lle tremerá o pulso agora. A clase obreira debe aprender da realidade e identificalos como o que son: inimigos.
Propoñemos a toda a clase traballadora, por riba de organizacións e ideoloxías particulares, a constitución dun COMITÉ DE UNIDADE SINDICAL para a FOLGA XERAL.

UNIDADE OBREIRA CONTRA O GOBERNO E O CAPITAL!!!

Galicia, 26 de maio do 2010
Executiva Nacional da Central Obreira Galega
C.O.G.

No hay comentarios:

Publicar un comentario