miércoles, 25 de abril de 2012

Folga no sector público

A Central Obreira Galega (COG) non convocou a folga xeral dos empregados públicos de onte que resultou, cando menos en Galicia, un completo fracaso. A razón de non convocala comunicámola con anterioridade en cantas ocasións tivemos oportunidade e non é outra que a nosa convicción de que o que precisa hoxe a clase obreira é impulsar unha folga xeral contra o capital e o goberno que defende os seus intereses.
A folga no sector público só pretendeu dividir á clase traballadora e salvarlle a cara ao goberno de Rodríguez Zapatero porque pensan que se entra a dereita no goberno español as subvencións que reciben do estado, e das que viven, estarían en perigo. O seu obxectivo non foi outro que adiar indefinidamente a folga xeral.
A convotaria foi seguida por centrais sindicais de clase e sindicatos sectoriais que nós consideramos respectables no que, para nós, constituíu un erro. Malia iso, moitos afiliados da COG, na medida en que nos seus centros específicos de traballo contactaron con eles compañeiros honestos destas centrais para ir á folga, acudiron a ela como mostra de solidariedade, o que foi previamente autorizado e apoiado pola nosa Central.
Esta foi unha folga miserable, nos obxectivos e nos logros, non é soamente o salario o que hai que defender, hai que defender os dereitos laborais da nosa clase no seu conxunto e hai que quitarlles a carauta aos políticos que usan o traballo obreiro para pagar as débedas contraídas pola banca privada española, aos de dereitas e aos de “esquerdas”.
Antes da folga a COG envioulles un comunicado a varias centrais sindicais de clase e a un sindicato sectorial para constituír un Comité de Unidade Sindical, unha unión da nosa clase por riba de siglas e ideoloxías particulares para impulsar a FOLGA XERAL que as traballadoras e traballadores necesitan e esixen. Unha central, a CNT, comunicounos que estudarían o tema agradecendo o noso xesto (agardamos a resposta), un sindicato sectorial rexeitouna, o resto non contestou. A Central Obreira Galega (COG) pide DE NOVO a todas as centrais de clase e sindicatos sectoriais honestos a creación dun COMITÉ SINDICAL UNITARIO en Galicia para loitar contra o capital e os seus axentes e convocar como primeiro paso e canto antes UNHA FOLGA XERAL TOTAL.

Galicia, 9 de xuño do 2010

Executiva Nacional
Central Obreira Galega (COG)

No hay comentarios:

Publicar un comentario